Carlos Folgueira (O Rei das Tartas): «As expectativas que tiña de antes da pandemia na área da A8 triplicáronse»

Pepa Losada

Foi o último negocio da empresa familiar que conforman cinco locais

Rei das Tartas foi unha de las empresas mariñás que recentemente recibiu un dos recoñecementos da Asociación Día de Galicia en Asturias. Carlos Folgueira é na actualidade a alma mater da firma, tomando o relevo que lle deixara seu pai hai xa varias décadas. Un dos últimos proxectos empresariais que veu a luz foi a área de servizo situada na A-8 ao seu paso por Abadín (saída 552) co obxectivo, según publicita na web, de ser un «referente dentro do sector servizo para todos os viaxeiros». Sen embargo, Folgueira lembra que o seu arranque non foi doado, xa que trala inauguración en decembro de 2019 chegou a inesperada pandemia. Agora, botando a vista atrás a tantos días de peche e negativos pronósticos, sinala que non só se cumpriron as expectativas con iniciais respecto ao funcionamento da área de servizo senón que se incrementaron. O Rei das Tartas conta con varios locais en Mondoñedo. En total, suman cinco e unha plantilla dunhas 15 persoas.

—Como valora o último recoñecemento que lle veu de Asturias?

—Dende fai case uns 40 anos que montamos a área da carretera N-634 e tamén na nova área de servizo, moitos asturianos levan parando nos nosos locais. Supoño que será por esa unión e amizade, e esa relación comercial que hai de tantos anos.

—A área de servizo, como está funcionamento na actualidade sobre todo agora que a pandemia xa non está tan omnipresente?

—A área de servizo O Rei das Tartas da A-8 foi un impulso moi grande, tanto de inversión como de traballo, tras cinco anos de permisos e papeis. Estamos enfocados ao 100% nela. Aos dous meses de abrir chegou a pandemia, tivemos un tempo moi parados, pero desde fai case un ano, cada día que pasa, imos a máis. Agora planteamos facer todos os esforzos na propia área, de cara a seguir aumentando clientela e incluso poder aumentar outros servizos. Por exemplo, estamos a punto de poder conectar xa o punto de recarga eléctrica de vehículos, de Repsol. En proxecto, tamén de cara ao día de mañá, temos previsto ampliar os aparcamentos, a zona de restauración, intentar facer un pequeno hotel… Pero sempre, pasiño a pasiño e con cautela.

—Abre 24 horas?

—Empezou abrindo 24 horas pero agora non. O horario é de seis da mañá ás once da noite. É complexa a apertura 24 horas; por un lado cambiou bastante a lei en tema de áreas de servizo e tamén por seguridade, xa que de noite se traballa con moita inquietude. Agora ampliamos plantilla e aumentou o volume de venta. As expectativas que tiña postas na área antes de que viñera a pandemia, agora mesmo son tres ou catro veces máis, en canto a xente de paso. E contando que a pandemia parou a todo o mundo e daquela viamos todo moi negro.

—Cantas tartas de Mondoñedo vende ou elabora a diario?

—Depende dos picos de Nadal e do verán, pero fixo sae unha media de 200 ou 300 ao día. Tamén temos moitos pedidos online, que veñen de fóra. Ainda que a venta máis elevada (80 ou 90%) é a directa, dende o propio local.

—Pasóuselle pola cabeza algunha vez modificar a fórmula familiar?

—Non, porque cando as cousas funcionan ben… para que tocalas? Esa é a nosa forma de pensar. Ademais, é un produto moi artesanal. Tamén vendemos a magdalena nosa, de toda a vida. Vendemos moitísima. E elaboramos outras de chocolate con noces, de queixo, unha de Santiago co anagrama do Rei das Tartas. Basicamente, xa non é modernizar; penso que o segredo destas cousas é que sigas traballando coa mellor materia prima que hai no mercado, ainda que teñas que subir 20 céntimos o prezo do produto. A clave nosa é: elaboración propia distinta á que poden ter outros e utilizar boa materia prima. Hai case 30 anos que faleceu meu pai e eu empecei novo, por ampliar o negocio. Non son casualidades da vida, todo é a base de traballo, esforzo, humildade.. Sempre é bo mirar para atrás e ver de onde viñeches e adonde vas. Estou contento porque o traballo é moi bo e somos como unha pequena familia. Nótase en como funciona o negocio.

Noticia de La Voz de Galicia